Monday 20 de May de 2024

A Xunta colaborará con 61 entidades no desenvolvemento de programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro

Por medio dos apoios, aos que a Xunta destina 1,4 millóns de euros, garantirase a atención personalizada e especializada para mulleres vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas e ex-reclusas, entre outras

A contía máxima que pode percibir unha entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro é de 40.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas que por valor de 1,4 millóns de euros, a Xunta destinará a 61 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Con estas axudas, o Goberno galego pretende fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade as vítimas de violencia de xénero; de explotación sexual-laboral; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas e ex-reclusas, entre outros supostos.

Os programas que se financian poden ser de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.

Ao abeiro desta convocatoria financiaranse así programas con recursos integrais específicos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes con fillos ou fillas menores de tres anos dirixidos a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva. Un dos obxectivos principais da medida é a mellora da súa empregabilidade.

Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade tamén apoiará iniciativas de atención personalizada e especializada para aquelas mulleres pertencentes aos colectivos expostos. Neste caso, o programa inclúe actuacións personalizadas como atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoais e sociais ou apoio e orientación laboral.

As entidades beneficiarias deben comunicar que aceptan as axudas concedidas nun prazo de 10 días e terán que ter executado o programa subvencionado antes do 30 de setembro de 2021.